O SOTO DO ÓPTICO NO CURSO 2021/22

 

Este curso estivemos traballando (e seguimos a traballar) nunha biblioteca máis verde. Baixo o lema "A miña biblioteca é un xardín" pretendimos integrar a biblioteca no xardín ou o xardín na biblioteca?! En Nadal mesmo plantamos un acivro no noso xardín!

Retomamos os clubs de lectura nas diferentes linguas da escola e todos os meses tivemos diferentes exposicións para mostrar os nosos fondos nos paneis de entrada da biblioteca: cómic, ciencia, libros lilas, libros verdes... E o noso instagram e a nosa escola ebulían de actividades: mercadillo solidario de libros en linguas estranxeiras, obradoiros de decoración con materiais reciclados... O noso alumnado é absolutamente o mellor do mundo e implícase moito nas actividades!

Tamén fixemos proxectos en colaboración con outras EOI de Galicia, como o da celebración do día de Rosalía de Castro. E un megaproxecto de colaboración cos outros centros de ensino de Ribadeo, porque tecer redes é moi importante, e así embarcámonos co CEIP Gregorio Sanz, co centro privado de ensinanza Sagrado Corazón, co CIFP Porta da Auga e co IES Dionisio Gamallo nunha aventura arredor do mundo e coñecemos compañeiras marabillosas doutros centros, que son como fadas que conseguen que todo saia ben!!

Un ano máis, coa microrrede de bibliotecas escolares da Mariña, colaboramos nun proxecto precioso "A voltas coas palabras" para o que fixemos un cadro colectivo e descubrimos que hai compañeiras noutras bibliotecas moi implicadas e que traballan moitísimo!!

O día do libro celebrámolo por todo o alto, como non podía ser doutra maneira, con un montón de actividades en rede, en colaboración con outras EOI. Así temos o noso concurso de Bookface ou o noso reto lector.

E agora xa camiñamos cara a final de curso, pero aínda nos quedan actividades por facer e moita horta por plantar... Estamos aínda co quiz verde en activo e imos presentar unha actividade para elaborar un decálogo de boas prácticas ambientais, imos facer un obradoiro para aprender a plantar, imos facer unha lista de podcasts verdes, imos ir limpar unha praia... Un final de curso moi verde e moi sostible!

Comentarios